Cargando...

Iris boissieri


Lirio de monte, Lirio do Xurés

Detrás da súa impresionante beleza agóchase unha situación desesperada. O Lirio de Monte ou do Xurés (Iris boisseri) é unha planta endémica do noroeste peninsular, catalogada en perigo de extinción que só se conserva teoricamente nas Serras do Xurés e Santa Eufemia (Ourense), no Courel (Lugo) e, xa dentro da provincia da Coruña, no Monte Pindo. E dicimos teoricamente porque hai un tempo que os expertos dan por desaparecida esta especie do Monte Pindo. Só a poboación integrada dentro dos lindes do Parque Natural do Xurés parece atoparse en relativamente bo estado.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural fai un chamamento a todos os amigos do monte, para que teñades un ollo posto nas vosas subidas e nos comuniquedes se tedes noticia dalgun exemplar desta especie no Pindo, onde o seu hábitat prioritario estaría nas fendas das grandes rochas graníticas.

Case sobraría dicilo, pero calquera tipo dano ocasionado a esta ou a calquera especie protexida, e máis aínda atopándose en perigo de extinción como é o caso de iris boisseri, está severamente perseguido e penado pola lexislación vixente con multas de ata 300.000€.

Se localizades exemplares desta especie, documéntao fotográficamente, toma nota da súa posición exacta (a poder ser mediante coordenadas GPS ou referencias visuais fidedignas) e comunícanolo en canto sexa posible.

"IUCN Red List of Threatened Species: CR
Catálogo galego de especies ameazadas: EN
Lista y Catálogo Español de Especies Amenazadas: ESP
Cita en IGLESIAS LOUZÁN, RAMIRO. Catálogo da Flora Vascular do Concello de Carnota (1998, inédita) RELEVANTE"
 
TOP