Aguia real
Fonte externa |
É de cor castaña escura con plumas amarelas na cabeza. Aniña nas árbores e baixíos rochosos. Está en perigo de extinción e en Europa central só habita agora nos Alpes, cando non hai moito voaba por case todos os países de Europa. nas Illas Británicas quedan 500 exemplares en Escocia, e en Irlanda reintroduciuse en 2001; nos Estados Unidos os intentos de evitar o seu declive non deron resultados.
No Monte Pindo
Xoana, a última águia real que aniñou no Monte Pindo, e que deixou de ser hai arredor de medio século. Naqueles tempos a águia real (Aquila chrysaetos), entre outras especies de aves, mamíferos e réptiles eran consideradas alimañas incluso a nivel oficial, pois críase que ameazaban á caza e á gandeiría. Por iso o réxime franquista abriría contra elas unha veda cruel que remataría con moitas desas especies en perigo de extinción, e cunha desmerecida fama de animais malignos e superpoboados que aínda chega ata os nosos días en casos coma o do lobo, o porco bravo ou o raposo.O fogar elixido para aniñar por esta especie fermosa, de porte rexio, fora o máis alto dunha fabulosa cova que atravesa de lado a lado un dos outeiros do Monte Pindo máis difíciles de gabear, tamén chamada Revertedemos polos cultos máxicos que ali din que se celebraban; de feito, este lugar considerábase o punto de reunión das bruxas do entorno, que logo de desenvolver os seus ritos e invocar os seus demos arredor da fogueira arrincaban voando nas súas vasoiras por enriba do Chan das Lamas para atemorizar a bisbarra. De feito dise que o nome de Xoana, que tamén acabou bautizando a súa cova, puido ser posto en referencia ás xanas ou xianas, fadas de auga doce da mitoloxía asturleonesa. Pero isto xa é lenda.
Xoana aniñara alí arriba, lonxe da ameaza de especies que poderían ameazar a súa futura prole. O que Xoana non previra é que acabaría enfrontada cun inimigo inesperado, que condearía a súa existencia para sempre: as leis dun estado de homes convertidos en alimañas para a natureza e para si mesmos. O 11 de agosto de 1953, Franco aprobou un decreto que pasou á historia co nome de "Lei de Alimañas", pola que constituiu as Juntas Provinciales de Extinción de Animales Dañinos y Protección a la Caza, ou alimañeros, un auténtico corpo de exterminio da vida salvaxe dos nosos montes, que recibían importantes recompensas económicas en función do número e especime abatidos. Naqueles tempos de miseria xa podedes imaxinar o que pasou.
Axiña os alimañeros proliferaron en todo o estado, tamén na Galiza, ávidos de presentar ao réxime calquera resto dun animal considerado depredador para gañar cartos. As águias reais só eran unha das especies a aniquilar. Tamén estaban no punto de mira aguias, aguiachos, falcóns, miñatos, bufos, voitres, corvos, grallas, gabiáns, pegas (e os seus ovos), lobos, raposos, denociñas, fuíñas, gatos monteses, xenetas, linces, londras, teixugos, touróns, cobras, lagartos, víboras... En definitiva, a cabeza de toda especie que non caera en graza ao réxime tiña recompensa. Os premios ascenderon a un total de 4 millóns de pesetas, unha cantidade estratosférica se temos en conta que o orzamento do Ministerio de Agricultura no mesmo período foi de 726 mil pesetas.
A lei saldouse con preto de 700.000 animais mortos, sobre todo aves, unha cifra que debeu ser moito maior pois non se contabilizaron os animais cuxa morte non tivo recompensa por non poderse demostrar a caza con anacos do corpo. No que toca á nosa Xoana, en só sete anos os alimañeros conseguiron acabar con 1207 exemplares de Aquila chrysaetos, e malia que fracasaron no seu empeño de erradicar definitivamente a especie, entrou en perigo de extinción e nalgúns lugares conseguiron o seu macabro obxectivo. Asi, a cobiza dos homes matou a Xoana, e con ela morría o último exemplar da súa especie no Monte Pindo. O aviso debeu ser tan claro que nunca máis esta especie volveu a planear maxestuosamente sobre o Olimpo Celta, deixándonos só para o recordo unha cova co seu nome, a Cova Casa da Xoana.
Pero nós, ilusos soñadores, queremos que Xoana retorne. Estamos a preparar un ambicioso proxecto que busca a restauración da cadea trófica e da cuberta vexetal do Monte Pindo cercenadas por décadas de incendios, abandono e exterminio, para que se den as condicións naturais necesarias para que Xoana, este símbolo do que non se debe volver a repetir nunca, por fin poida volver á súa casa. Queremos a águia real no Monte Pindo e queda moitísimo por facer. Axudádenos!
Catálogo galego de especies ameazadas: EN
Lista y Catálogo Español de Especies Amenazadas: ESP
IUCN Red List of Threatened Species: LC
Tradición oral. Crese que desapareciu do Monte Pindo a mediados do século XX por acción dos pastores, deixando pegada na toponimia (Cova Casa da -Águia- Xoana)